O CB AS NEVES XOGARÁ PRIMEIRA OURO A VINDEIRA TEMPADA
- Federación Gallega de Badminton
- hace 7 horas
- 1 Min. de lectura
O Club Bádminton As Neves pechou a súa participación na Liga Nacional da División de Honra, tras caer no play-off pola permanencia fronte ao Alicante Intercity. Como equipo recén ascendido, os nevenses afrontaban un reto de gran esixencia, nunha categoría que reúne aos mellores clubs do país.
A adaptación á máxima categoría foi complexa desde o inicio, marcada por encontros de alto nivel e rivais moi experimentados. A pesar de todo, o equipo galego mantivo sempre a entrega e o compromiso en pista, defendendo con orgullo as súas cores en cada xornada 💪💙
No decisivo cruce polo descenso, o CB As Neves non logrou superar ao conxunto alacantino, o que supón o regreso á Primeira OURO a próxima tempada. Con todo, fano con experiencia gañada, espírito competitivo intacto e ilusión renovada.
📌 A próxima campaña na Primeira OURO presentarase igual de apaixoante, cun atractivo engadido: compartirá categoría con outros tres equipos galegos, o que garante derbis intensos e moita emoción no calendario 🔥.
Desde a Federación Galega de Bádminton queremos recoñecer o traballo do club, do seu cadro técnico e de todo o plantel. Moito ánimo nesta nova etapa e, como sempre… ¡cabeza erguida e adiante! 🙌
Comments