Oviedo acolleu esta fin de semana o TOP Máster N2 Sub13 e N1 Sub17 onde unha chea de volantistas galegos viaxaron para dar o mellor de sí no terreo de xogo. Facendo unha breve introdución, podemos asegurar que os resultados foron máis que satisfactorios cun total de 11 metais que se suman ao medalleiro galego.
Comezando pola categoría Sub13, Xulia Otero foi a gran protagonista do torneo. A xogadora do club Bádminton As Neves foi quen de lograr o dobrete tanto en individual como en dobres feminino.
Non se quedou atrás Maia Freire, tamén foi campioa xunto con Xulia en dobres e xogou unha final soñada para o Bádminton Galego, onde finalmente sería o Nevense a que se fixo co ouro.
Xoel Álvarez conseguiría chegar ás semifinais do torneo, quedando a pouco de competir na gran final, pero conseguindo unha medalla de bronce que deixa moi bo sabor de boca.
Finalmente, nesta categoría, Álvaro Gómez e Sara Alfaya do CER Vigo lograron o bronce na modalidade de dobres mixtos.
Na categoría Sub 17, Iziar Barcala continúa cunha gran racha tras ser campioa do N1 Master en individual feminino. A xogadora do Club Bádminton A Estrada fixo unha actuación estelar.
Mentres, na categoría de dobres masculino, as parellas formadas por Adrián Rodríguez con Xoel Álvarez e Pablo Alfaya con Iker Rodríguez compartirían o terceiro chanzo do podio, chegando ambas as dúas parellas ás semifinais e logrando así dous bronces.
Outra gran actuación a destacar foi a de Paula Noya e Alba Prada, do Club do Mar San Amaro, que tras un gran partido na final lograron a vitoria, levando outro ouro para a casa. Nesta mesma modalidade, Sara del Castillo e Inés Poncela conseguiron sumar un bronce.
Para pechar o torneo, Alba Prada e Iker Rodríguez colgáronse o bronce ao pescozo no dobres mixtos Sub 17.
Parabéns a todos e cada un dos xogadores por este gran torneo e por estos grandes resultados!🔥🏸👏
コメント